Tuesday 21 de May de 2024

A Pobra impulsa a sexta edición das Xornadas Muller e Ciencia


A sexta edición das Xornadas Muller e Ciencia chegan neste 7 de novembro con catro coloquios impartidos por expertas cunha relevante traxectoria profesional no eido científico. Trátanse de charlas moi didácticas, cuxo obxectivo radica en visibiliza-la muller no mundo das ciencias, así como a importancia do seu traballo.
A actividade será virtual ó emitirse en directo pola canle do Youtube do Concello da Pobra do Caramiñal, en horario de 17.00 a 21.00 horas. Para participar activamente nas videoconferencias, as persoas interesadas débense inscribir de balde no enderezo electrónico igualdade@apobra.gal, indicando o coloquio que desexan ver, para enviar así directamente a ligazón. Ademais, os vídeos quedarán gardados para quen desexe visionalos posteriormente.
A primeira cita chega ás 17.00 horas coa conferencia Furgando nas entrañas do COVID-19 con ferramentas computacionais: unha viaxe a Mordor en montaña rusa, da man de Rebeca García Fandiño, doutora en Química Orgánica pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) dende 2006 e, actualmente, investigadora principal no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), en Santiago.
Deseguido, ás 18.00 horas, será a quenda de Isto non sae nos libros de ciencia a cargo de Deborah García Bello, química e comunicadora científica, ademais de investigar na ciencia de materiais aplicados á arte contemporánea no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña e de traballar como divulgadora científica e cultural en varios medios de comunicación.
Catalina F. de Ana Portela chega ás 19.00 horas con Os fungos aplicados á biotecnoloxía. Tratamentos fronte ó COVID-19 en fogares de maiores. A relatora é bióloga, micóloga, micoterapeuta e fundadora e directora xeral de Hifas da Terra, así como doutoranda en Investigación Clínica en Oncoloxía na Universidade de Santiago de Compostela (USC).
E, finalmente, E-téxtiles e participación equitativa en STEM impartirase ás 20.00 horas por parte de Paola Guimeráns, especialista en educación na área dos e-téxtiles e experta en Deseño de Interacción e Tecnoloxía Poñible, ademais de ser autora da plataforma de recursos prototipadoLAB e fundadora da iniciativa Aula STEAM.

Organizada pola Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal, a acción está financiada polo Ministerio da Igualdade, a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta e a Unión Europea.